Monday 06 de May de 2024

Turismo de Galicia pon en valor a labor dos hospitaleiros voluntarios do Camiño de Santiago


A directora de Turismo de Galicia, acompañada pola presidenta e coordinadora da Federación de Hospitaleiros do Camiño de Santiago, visitou a exposición ‘Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago’

A directora de Turismo de Galicia, acompañada pola presidenta e coordinadora da Federación de Hospitaleiros do Camiño de Santiago, visitou a exposición ‘Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago’, que recolle unha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente

A visita coincide co Encontro de Hospitaleiros Voluntarios da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que neste ano celebra o seu 25 aniversario e que está a congregar a máis de 250 hospitaleiros na capital galega.

A mostra aglutina decenas de fotografías tomadas por Manuel G. Vicente dende finais dos 90 ata hoxe en diferentes albergues e puntos do Camiño nos que os hospitaleiros voluntarios desenvolven a súa labor.

A exposición, que pode visitarse dende hoxe no Centro Social Abanca de Santiago de Compostela, explica a través das fotografías como a medida que se avanza no Camiño, prodúcese unha comunicación a varios niveis: con un mesmo, coa propia Ruta Xacobea e cos compañeiros de Camiño, cos hospitaleiros e os paisanos.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o labor desinteresado que realizan día a día as Asociacións de Amigos do Camiño e os hospitaleiros voluntarios a cal afirmou contribúe a inundar á Ruta Xacobea dunha esencia de fraternidade e solidariedade e difundir os contidos culturais e espirituais do Camiño.

Nava Castro recordou que o Camiño de Santiago é a nosa carta de presentación no mundo, o elemento que sitúa a Galicia no mapa global e o principal factor de diferenciación do noso destino turístico. “O Camiño de Santiago identifica a marca Galicia no mundo, sendo o noso principal elemento captador de turismo internacional, o noso sinal de identidade”, afirmou.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que é fundamental que o recibimento dos peregrinos en cada unha das etapas e na súa chegada a Santiago sexa de primeiro nivel. “A hospitalidade e a acollida ao peregrino, constitúen a pedra angular do Camino de Santiago”, incidiu.

Máis de 260 mil peregrinos
Por outra parte, Nava Castro resaltou que o Camiño de Santiago continúa gañando cada ano adeptos seguindo unha forte progresión ascendente no seu número de peregrinos.

Segundo afirmou, no que vai de ano, recolleron xa a súa Compostela na oficina do peregrino de Santiago máis de 260 mil peregrinos, o que supón un aumento de máis do 10% en relación ao mesmo período do pasado ano.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia sinalou que a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son mais numerosos que os nacionais.